AVISO LEGAL E CONDICIÓNS XERAIS DE USO E CONTRATACIÓN DA WEB COMERCIAL
PREÁMBULO
A AXENCIA GALEGA DA CALIDADE ALIMENTARIA (Agacal) pon en marcha, en www.mercaexperienciasdecalidade.gal (de agora en diante, a “Web Comercial”), un mercado virtual que permitirá os compradores (a partir de agora "Compradores"), poñerse en contacto cos produtores de produtos galegos de calidade diferenciada, tamén inscritos na Web Comercial (a partir de agora "Vendedores"), co fin de comprar produtos de calidade amparados nas denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas de carácter agroalimentario recoñecidas en Galicia e aqueloutras que eventualmente se recoñezan, así como os produtos de produción ecolóxica rexistrados no Consello Regulador de Galicia (a partir de agora "Produtos ") propostos a un prezo inicial pechado (de agora en diante o "Servizo").
Os dereitos e obrigas derivados da relación entre a Agacal e o Vendedor recóllense no Convenio Marco de Colaboración para o desenvolvemento de actividades de promoción dos Produtos Galegos de Calidade Diferenciada, subscrito con cada un dos Vendedores, e son persoais, intransferibles e non cedibles.
Para utilizar o Servizo, o Comprador debe aceptar as presentes condicións xerais de utilización Comprador (a partir de aquí as "CXU Comprador "), sen restrición nin reserva. Esta aceptación concrétase mediante un clic de validación durante o proceso de compra ou a súa inscrición no Servizo. As vendas realizadas a través da intermediación do Servizo entre os Compradores e os Vendedores réxense polas condicións xerais de venda do Servizo (a partir de aquí as “CXV"), as cales tamén deben ser aceptadas polo Comprador durante cada compra. Estas completan as actuais CXU Comprador. A Agacal recoméndache que te informes sobre o contido das CXV premendo nas condicións xerais de venda.
INFORMACIÓN LEGAL
En cumprimento do previsto no artigo 10 da Lei 34/2002, do 11 de xullo, de servizos da sociedade da información e comercio electrónico (LSSICE), infórmase ao usuario que a titularidade do dominio da nosa tenda virtual www.mercaexperienciasdecalidade.gal (a “Web Comercial”) pertence á AXENCIA GALEGA DA CALIDADE ALIMENTARIA (Agacal).
A Agacal é unha axencia pública autonómica que se encadra dentro das entidades instrumentais do sector público autonómico reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Adscrita á Consellería do Medio Rural e con personalidade xurídica propia, foi creada en virtude do Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos, e ten como principal obxecto o de constituírse no instrumento básico de actuación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintivos indicativos de calidade.
Contacto:
https://mediorural.xunta.gal/gl/conselleria/organismos-adscritos/axencia-galega-da-calidade-alimentaria
OBXECTO
O presente aviso legal e condicións de uso e contratación, xunto coas condicións expresadas na política de privacidade e a política de cookies, teñen como obxecto regular a relación entre a Agacal e as persoas usuarias desta páxina web.
As condicións xerais de contratación expresan as condicións marco que se establecen polos Vendedores ou Produtores ás persoas usuarias, regulando as condicións de compra a través da Web comercial, cuxa información xeral, en base ao disposto no artigo 10 da Lei 34/2002, do 11 de xullo, de servizos da sociedade da información e comercio electrónico (LSSICE), reprodúcese a continuación:
Titularidade do dominio da web comercial:
AXENCIA GALEGA DA CALIDADE ALIMENTARIA (Agacal)
Domicilio administrativo: Avenida do Camiño Francés , 10
15781 Santiago de Compostela. (A Coruña – ESPAÑA)
NIF Q1500322A
Contacto:
https://mediorural.xunta.gal/gl/conselleria/organismos-adscritos/axencia-galega-da-calidade-alimentaria
Para utilizar o Servizo, o Comprador debe aceptar as presentes condicións xerais de utilización Comprador (a partir de aquí as "CXU Comprador "), sen restrición nin reserva. Esta aceptación concrétase mediante un clic de validación durante o proceso de compra ou a súa inscrición no Servizo. As vendas realizadas a través da intermediación do Servizo entre os Compradores e os Vendedores réxense polas condicións xerais de venda do Servizo (a partir de aquí as “CXV "), as cales tamén deben ser aceptadas polo Comprador durante cada compra. Estas completan as actuais CXU Comprador. A Agacal recoméndache que te informes sobre o contido das CXV en condicións xerais de venda.
Para calquera consulta relacionada cos produtos pode poñerse en contacto coa Agacal no correo experienciasdecalidade@xunta.gal ou por WhatsApp no 673087147.
Tanto a navegación pola tenda en liña como a adquisición de calquera dos Produtos ofertados nela supoñen a aceptación como usuario, sen reservas de ningunha clase, de todas e cada unha das presentes condicións xerais de contratación e utilización. A Agacal poderá modificar a Web Comercial para efectuar cuantos cambios e modificacións estime convenientes e crea necesarios para a adecuada funcionalidade desta, sen necesidade de aviso previo.
INFORMACIÓN SUBMINISTRADA NA WEB COMERCIAL
Facemos todos os esforzos para ofrecer a información contida na Web Comercial de forma veraz e sen erros tipográficos. Todas as informacións contractuais presentes en www.mercaexperienciasdecalidade.gal móstranse, como mínimo, en galego e castelán, e a comunicación cos Compradores e usuarios en xeral, así como a formalización do contrato poderase realizar en ambos os idiomas.
PROPIEDADE INTELECTUAL E INDUSTRIAL
Todos os contidos publicados na tenda e especialmente os deseños, textos, gráficos, logos, iconas, botóns, así como o software, os nomes comerciais, as marcas ou debuxos industriais e calquera outros signos susceptibles de utilización industrial e comercial están suxeitos a dereitos de propiedade intelectual e industrial da Agacal ou de terceiros titulares destes que autorizaron debidamente a súa inclusión na Web Comercial.
En ningún caso se entenderá que se lle concede ningunha licenza ou se efectúa renuncia, transmisión, cesión total ou parcial dos ditos dereitos nin se confire ningún dereito nin expectativa de dereito, e en especial, de alteración, explotación, reprodución, distribución ou comunicación pública sobre os ditos contidos sen a previa autorización expresa da Agacal ou dos titulares correspondentes.
Queda prohibido, polo tanto, o uso da Web Comercial da Agacal con fins públicos ou comerciais, polo que non se poderá explotar, reproducir, distribuír, modificar, comunicar publicamente, ceder, transformar ou usar o contido da web. Queda expresamente prohibida a introdución de hiperligazóns con fins mercantís en páxinas web alleas á Agacal, que permitan o acceso á nosa Web Comercial, sen consentimento previo. En todo caso, a existencia de hiperligazóns en sitios web alleos a nós, non implicará en ningún caso a existencia de relacións comerciais ou mercantís co titular da páxina web onde se estableza a hiperligazón, nin a aceptación por parte da Agacal dos seus contidos ou servizos.
RESPONSABILIDADE DA AGACAL
Os Produtos presentados na Web Comercial son conformes a lexislación española.
O acceso á Web Comercial será voluntario, e, polo tanto, responsabilidade do usuario, quen será responsable de todo efecto, directo ou indirecto, polo uso que faga do sitio web, incluíndo, de forma enunciativa e non limitativa, todo resultado económico, técnico e/ou xurídico adverso, así como a defraudación das expectativas xeradas pola nosa Web Comercial, obrigándose o usuario para manter indemne a Agacal por calquera das reclamacións derivadas, directa ou indirectamente de tales feitos. A Agacal non se fai responsable dos prexuízos que se puidesen derivar de interferencias, omisións, interrupcións, virus informáticos, avarías e/ou desconexións no funcionamento operativo deste sistema electrónico ou nos aparellos e equipos informáticos dos usuarios, motivados por causas alleas á Agacal , que impidan ou atrasen a prestación dos servizos ou a navegación pola tenda, nin dos atrasos ou bloqueos no uso causados por deficiencias ou sobrecargas da internet ou noutros sistemas electrónicos, nin da imposibilidade de dar o servizo ou permitir o acceso por causas non imputables á Agacal , debidas ao usuario, a terceiros, ou a supostos de forza maior. A Agacal non controla, con carácter xeral, a utilización que os usuarios fan da Web Comercial.
En particular, a Agacal non responde en ningún caso de que os usuarios utilicen a Web Comercial de conformidade coa lei, as presentes condicións xerais, a moral e bos costumes xeralmente aceptados e a orde pública, nin tampouco que o fagan de forma dilixente e prudente.
OBRIGAS DOS USUARIOS E COMPRADORES
Con carácter xeral, o usuario obrígase ao cumprimento das presentes condicións xerais, así como a cumprir as especiais advertencias ou instrucións de uso contidas nestas ou na Web Comercial e obrar sempre conforme a lei, os bos costumes e as esixencias da boa fe, empregando a dilixencia debida e absténdose de utilizar a Web Comercial de calquera forma que poida impedir, danar ou deteriorar o normal funcionamento desta, os bens ou dereitos da Agacal, os Vendedores, o resto dos usuarios ou, en xeral, de calquera terceiro. Queda prohibido o acceso e uso da Web Comercial aos menores de idade sen o consentimento expreso dos seus pais ou titores. Concretamente, e sen que iso implique ningunha restrición ao apartado anterior durante a utilización da Web Comercial, o usuario obrígase a:
- Facilitar información veraz sobre os datos solicitados no formulario de rexistro de usuario ou de realización do pedido e a mantelos actualizados.
- Non introducir, almacenar ou difundir en, ou desde a Web Comercial, calquera información ou material que fose difamatorio, inxurioso, obsceno, ameazador, xenófobo, incite á violencia, á discriminación por razón de raza, sexo, ideoloxía, relixión ou que de calquera forma atente contra a moral, a orde pública, os dereitos fundamentais, as liberdades públicas, a honra, a intimidade ou a imaxe de terceiros e en xeral a normativa vixente.
- Non introducir, almacenar ou difundir mediante a páxina da tenda ningún programa, datos, virus, código, ou calquera outro dispositivo electrónico ou físico que sexa susceptible de causar danos na Web Comercial, en calquera dos servizos, ou en calquera dos equipos, sistemas ou redes da Agacal, de calquera outro usuario, dos Vendedores ou en xeral de calquera terceiro.
- Gardar dilixentemente o "nome de usuario" e o "contrasinal" que lle sexa facilitado pola Agacal, asumindo a responsabilidade polos danos e perdas que puidesen derivarse dun uso indebido destes.
- Non realizar actividades publicitarias ou de explotación comercial a través da Web Comercial, e non utilizar os contidos e a información deste para remitir publicidade ou enviar mensaxes con calquera outro fin comercial, nin para recoller ou almacenar datos persoais de terceiros.
- Non utilizar identidades falsas, nin suplantar a identidade doutros na utilización da Web Comercial ou na utilización de calquera dos servizos desta, incluíndo a utilización, de ser o caso, de contrasinais ou claves de acceso de terceiros ou de calquera outra forma.
- Non destruír, alterar, inutilizar ou danar os datos, informacións, programas ou documentos electrónicos da Agacal ou os Vendedores.
- Non introducir, almacenar ou difundir mediante a páxina da tenda calquera contido que infrinxa dereitos da propiedade intelectual, industrial ou segredos empresariais de terceiros, nin en xeral ningún contido do cal non ostentase, de conformidade coa lei, o dereito para poñelo ao dispor de terceiros.
O Comprador comprométese a posibilitar a entrega do pedido solicitado facilitando un enderezo de entrega no que poida ser entregado o pedido solicitado dentro do horario habitual de entrega de mercancías. En caso de incumprimento por parte do Comprador desta obriga, a Agacal non terá ningunha responsabilidade sobre o atraso ou imposibilidade de entrega do pedido solicitado polo Comprador.
COMUNICACIÓN E SEGURIDADE
O noso servidor seguro garante a privacidade dos datos que nos transmites. A dita privacidade conséguese mediante o protocolo SSL, encriptando os datos enviados mediante o sistema de cifrado RSA, de forma que ninguén poida apropiarse deles xa que non dispón da clave necesaria. Podes comprobar que o teu navegador é seguro se aparece o símbolo do cadeado e tamén se pode apreciar que a URL varía lixeiramente: xa non empeza con http senón con https.
POLÍTICA DAS PRIVACIDADE
Ver documento específico de política de privacidade.
USO DAS LINGUAS
O artigo 13 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, garante o exercicio dos dereitos lingüísticos recoñecidos no ordenamento xurídico e, en particular, os referidos ao uso do galego nas relacións da cidadanía coa Administración pública de Galicia. Para estes efectos, o portal posibilitará o acceso aos seus contidos e servizos, como mínimo, en galego e castelán.
XURISDICIÓN E LEXISLACIÓN APLICABLE
As normas de uso que se atopan no presente aviso legal e condicións xerais de uso réxense pola Lei Española e a xurisdición será a dos xulgados e tribunais competentes en España.
CONDICIÓNS XERAIS DA VENDA NA WEB COMERCIAL
PREÁMBULO
As presentes condicións xerais de venda (a partir de aquí as “CXV ") aplícanse en complemento, no que concirne aos Compradores, das CXU Compradores, nas cales están definidos os termos en maiúsculas nas presentes CXV.
As CXV aplícanse a todas as vendas de Produtos realizadas a través da intermediación do Servizo entre o Vendedor e o Comprador. Teñen como función mediar entre os Vendedores e os Compradores de Produtos, excluíndo aquelas que establezan entre os Compradores e a Agacal ou entre os Vendedores e a Agacal.
As relacións entre os Compradores e a Agacal están rexidas polas CXU Comprador. As relacións entre os Vendedores e a Agacal están rexidas polo Convenio Marco de Colaboración subscrito entre a AXENCIA GALEGA DA CALIDADE ALIMENTARIA e cada un dos Vendedores, para o desenvolvemento de actividades de promoción dos Produtos Galegos de Calidade Diferenciada.
A Agacal non é o Vendedor dos Produtos comprados a través da intermediación do Servizo. Tan só o Vendedor, cuxo nome se indica na ficha descritiva de cada Produto, é o contratante do Comprador pola compra dos chamados Produtos. A Agacal non forma parte do dito contrato e non asume ningunha responsabilidade por iso. As transaccións efectuadas pola compra tramítanse directamente entre o Comprador e o Vendedor. Na Web Comercial os Produtos son ofrecidos por terceiros, polo que a Agacal non será responsable dos produtos ofrecidos nin da garantía destes. O Vendedor é o responsable da información relativa aos produtos, do cumprimento do contrato e da súa conformidade coa normativa aplicable. Non obstante, as devolucións, nos supostos previstos para iso legal ou contractualmente, realizaranse igualmente a través da intermediación do Servizo da Agacal.
ACCESO AO SERVIZO
O acceso ao Servizo polos Compradores está reservado a unha utilización estritamente persoal. Cando utiliza o Servizo, o Comprador declara actuar a título privado.
O Comprador poderá comprar calquera Produto que estea posto á venda nesta Web Comercial sempre e cando se atope dispoñible e en stock.
Para poder realizar unha compra de Produtos na Web Comercial, o Comprador debe aceptar as CXU Comprador e as CXV, e ten varias opcións:
- Como usuario non rexistrado: O Comprador poderá realizar a compra de produtos sen necesidade de rexistrarse na plataforma a través do formulario e actuando como “Comprador non rexistrado”.
- Como usuario rexistrado: O Comprador poderá realizar a compra de produtos rexistrándose na Web Comercial a través do formulario de rexistro proporcionado. Para iso o Comprador, aceptará expresamente a política de privacidade das CXU Comprador.
O Comprador terá a opción de rexistrarse tanto ao final do túnel de compra como en calquera momento, sen necesidade de realizar unha compra.
O Comprador acepta expresamente equiparar xuridicamente o uso do/s contrasinal/ais de acceso á Web Comercial á súa sinatura, de forma que as operacións realizadas se reputarán, en todo caso, válidas e entenderase que foron cursadas polo Comprador, producindo plenos efectos xurídicos.
TRAMITACIÓN DOS PEDIDOS
Os Produtos serán presentados e postos ao dispor do Comprador na Web Comercial cunha descrición que informa ao Comprador das características esenciais do Produto e o seu prezo. Tanto a descrición como o prezo sinalados serán establecidos polos Vendedores baixo a súa única responsabilidade.
Os Produtos que desexen adquirir os Compradores deberán ser seleccionados e engadidos á cesta da compra, mediante clic sobre a icona correspondente. Na cesta da compra poderanse engadir unidades do artigo ou artigos seleccionados.
Unha vez decidido os Produtos a comprar, o Comprador pasará ao seguinte paso para adquirilos, ben como Comprador non rexistrado ou como Comprador rexistrado. Previamente á inclusión dos seus datos persoais, haberá de ler e aceptar a cláusula relativa á protección de datos de carácter persoal e ás condicións de venda mediante a marcación dun recadro establecido para o efecto.
A continuación, solicitaranse os datos persoais que se incorporarán á nosa base de datos co obxecto de poder procesar o pedido e de facilitar a entrega da compra. Os datos persoais deben indicarse con toda exactitude para evitar confusións ou incidencias no envío do/s artigo/s adquiridos.
Unha vez cuberta a folla do pedido, deberá marcarse o recadro de aceptación de condicións de venda e política de protección de datos, e deberá ser confirmado o pedido facendo clic en "confirmar e pagar pedido".
Para os pagamentos con tarxeta de crédito ou débito, o cargo realizarase en liña, é dicir, en tempo real, a través da pasarela de pagamento da entidade financeira correspondente, unha vez que se comprobou que os datos comunicados son correctos. Confirmada a transacción, remitirase unha mensaxe de correo electrónico (indicado anteriormente polo Comprador) no prazo de 24 horas, onde se confirmará o pedido realizado. A non recepción desta mensaxe pode deberse a algún problema transitorio de comunicacións na rede ou a algún erro de escritura no enderezo de correo electrónico comunicado. En ambos os casos é aconsellable que o Comprador contacte co Servizo de Atención ao Cliente a través de experienciasdecalidade@xunta.gal ou por WhatsApp no 673087147.
No caso de que o Comprador fose rexistrado, o pedido quedará gardado na súa área privada, á que poderá acceder coa súa clave de acceso. Se o Comprador non está rexistrado, enviaráselle ao correo electrónico indicado na compra o número de pedido e a forma de seguimento dos seus envíos para telos localizados. Os Compradores poderán realizar pedidos de diferentes Vendedores, os cales se agruparán nunha única cesta de compra. Como norma xeral todos os produtos dunha mesma cesta recibiranse nun único envío.
O Vendedor comprométese a que o stock dos produtos postos ao dispor do Comprador na Web Comercial estea actualizado.
PREZO E PAGAMENTO
O prezo de compra do Produto é fixado polo Vendedor. Menciónase en euros, IVE incluído, na ficha descritiva, excepto os gastos de envío, os cales se engadirán antes da validación do pedido.
O pagamento das compras realizadas a través da intermediación do Servizo efectuarase mediante tarxeta bancaria.
Téñase en conta que en ocasións poden ocorrer atrasos no proceso de pagamentos e operacións; o que pode traducirse en atrasos de ata sesenta (60) días hábiles no cobramento na súa conta bancaria ou no cargo na súa tarxeta de crédito ou débito. O cargo que o Comprador verá no extracto da súa tarxeta aparecerá a nome do Vendedor ou Vendedores.
Os Vendedores emitirán a factura correspondente pola venda efectuada, que será remitida ao correo electrónico indicado polo comprador.
Debido ás prácticas bancarias habituais, unha vez que se realiza un pedido mediante tarxeta de crédito ou débito e o pagamento fose autorizado, a entidade emisora da tarxeta titularidade do Comprador reterá o importe total do pedido. Se o pedido é cancelado por calquera razón, a entidade emisora da tarxeta non realizará a transferencia para o pagamento do pedido, e no seu lugar liberará a cantidade correspondente de novo na conta do titular da tarxeta. Isto pode durar entre 3 e 5 días hábiles (ou máis, dependendo da entidade emisora da súa tarxeta). O Comprador acepta que nin a Agacal nin o Vendedor correspondente son responsables dun posible atraso por parte da entidade emisora da tarxeta titularidade do Comprador en liberar o importe da súa conta.
ATENCIÓN AO COMPRADOR
A Agacal mediará para liquidar calquera problema que puidese ter o Comprador co seu pedido, ben solucionando directamente a súa solicitude, ben transmitíndolla ao Vendedor co fin de darlle seguimento.
O Comprador que non quedase satisfeito coa calidade dos Produtos vendidos por un Vendedor, poderá formular a súa reclamación nos termos establecidos no apartado de condicións para a venda de produtos.
O Comprador pode poñerse en contacto coa Agacal escribindo ao correo experienciasdecalidade@xunta.gal ou por WhatsApp no 673087147.
ENVÍO
O envío dos pedidos da Web Comercial realizarase pola Agacal a través do servizo Paq Estándar da Sociedade Estatal Correos e Telégrafos, S.A. S.M.E. (en adiante, Correos).
Correos actúa de conformidade coa lei do servizo postal universal, dos dereitos dos usuarios e do mercado postal, e as súas normas de desenvolvemento, e demais normas que resulten de aplicación. As condicións de prestación dos servizos incluídos no ámbito do servizo postal universal son as legal e xeralmente establecidas e recollidas a nivel regulamentario no plan de prestación do servizo postal universal aprobado polo Goberno coa frecuencia, calidade e ámbito territorial de prestación definidas.
O Comprador pode elixir se desexa recibilo no seu domicilio, nunha oficina de Correos ou nun CityPaq. Determinados produtos poden ter características que fagan que non sexa posible entregalos en todas as modalidades; nese caso especificarase na propia ficha do Produto.
O servizo de envíos prestarase en todo o territorio peninsular, Baleares e Canarias, de luns a venres, excluídos días festivos nacionais. A entrega realizarase no enderezo indicado, baixo sinatura, nas condicións establecidas por Correos, que se pode consultar en https://www.correos.es/es/es/particulares .
Os prazos máximos para o primeiro intento de entrega ou posta ao dispor do destinatario na Oficina de Correos para un envío estándar son entre 48 e 72 horas para o Paq Estándar dependendo da orixe e o destino. Para os efectos do cómputo do prazo de entrega, non se contabilizarán os sábados.
Na modalidade de entrega a domicilio, os envíos serán entregados no enderezo do destinatario facilitado polo Comprador, aínda que non necesariamente o destinatario designado persoalmente. O Comprador será responsable dos datos proporcionados polos destinatarios, confirmando a súa veracidade e autenticidade.
Naqueles casos nos que, debido ao peso, volume do paquete ou características do inmoble onde se haxa de efectuar a entrega, esta non se puidese realizar, efectuarase a porta de rúa ou na Oficina que Correos teña en destino, previo acordo co destinatario.
Correos resérvase o dereito para modificar os horarios acordados para as entregas ou recollidas, en función das súas propias necesidades organizativas.
DESISTENCIA
Conforme o disposto na lexislación vixente, o dereito de desistencia dos Compradores non será aplicable en certos supostos como:
- subministración de bens que poidan deteriorarse ou caducar con rapidez;
- subministración de bens precintados que non sexan aptos para ser devoltos por razóns de protección da saúde ou de hixiene e que fosen desprecintados tras a entrega.
As obrigas derivadas da normativa reguladora dos dereitos do Comprador e consumidor son asumidas polo Vendedor.
O Vendedor debe conferir ao consumidor o dereito para desistir do contrato mediante a devolución das súas compras nun prazo de 14 días naturais. En produtos físicos, en caso de devolver o produto sen a súa embalaxe orixinal, e atendendo ao suposto, o produto poderase depreciar. O prazo de desistencia expirará aos 14 días naturais desde o día en que o consumidor ou un terceiro indicado por el, distinto do transportista, recibiu o obxecto do contrato. No caso de que nun mesmo pedido o Comprador adquirise múltiples bens que se lle entregaron por separado, o prazo de desistencia expirará aos 14 días naturais desde o día en que o consumidor ou un terceiro indicado por el, distinto do transportista, recibiu o último deses bens.
Para exercer o dereito de desistencia, sempre que sexa posible, respecto dos produtos comprados exclusivamente na Web Comercial, o Comprador debe manifestar á Agacal a súa decisión inequívoca de desistir do contrato a través do correo experienciasdecalidade@xunta.gal, onde se lle informará da forma de exercer a dita desistencia, así como das consecuencias do exercicio do dito dereito.
RECLAMACIÓNS
Os litixios soluciónanse directamente entre o Comprador e o Vendedor. O Comprador e o Vendedor deberán tentar por todos os medios chegar a unha resolución amigable do litixio.
Segundo o caso, o litixio declarado dará lugar ou ben ao reenvío do Produto solicitado ou ben ao reembolso deste.
No caso de que o Vendedor e o Comprador teñan a condición de empresario e consumidor, respectivamente, conforme o disposto no Regulamento (UE) 524/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 21 de maio de 2013, a Comisión Europea facilita unha plataforma de resolución extraxudicial de litixios en liña que se atopa dispoñible na seguinte ligazón: http://ec.europa.eu/consumers/odr, a través da cal os consumidores poderán someter as súas reclamacións.
LEXISLACIÓN APLICABLE E RESOLUCIÓN DE CONFLITOS
Estas condicións xerais réxense pola Lei Española. As partes sométense, á súa elección, para a resolución dos conflitos aos xulgados e tribunais de Santiago de Compostela, renunciando o usuario a calquera outro foro que puidese corresponderlle, salvo o foro competente en caso de consumidores. No caso de que se trate dunha compra en liña realizada por unha empresa que actúe no marco da súa actividade empresarial ou comercial, ambas as partes, Comprador e Vendedor, sométense, con renuncia expresa a calquera outro foro, aos xulgados e tribunais de Santiago de Compostela.